18-agosto-2006
Etapa: Azofra - Burgos
Por fin un día de camiño como manda deus! E con sorte! Seguimos constantemente a ruta sinalada. Só se picou a roda da bici de Tomás preto de Santo Domingo e mentres a reparabamos achegáronse dous ciclistas co inflador de Tomás que o perdera quilómetros atrás. Parada en Grañón, pequena vila moi vistosa, para repoñer forzas a base de galletas, chocolates e pastas caseiras dunha panadería.
Paramos no albergue de Tosantos, unha pequena construción que rapidamente nos chamou a atención. O hospitaleiro foi moi amigable e amable: ofreceunos unhas claudias deliciosas recén collidas e un vaso de viño. Tamén nos ensinou o interior do albergue e explicounos características da súa construción. Preto dunha hora estivemos alí.
Continuamos camiño ata Villafranca de Montes de Oca. Aquí, os máis atrevidos (Óscar mais eu) decidimos continuar o trazado sinalado mentres que os outros tres fixérono pola estrada (moi perigosa, segundo logo nos contaron, polo tránsito de camións a gran velocidade que parece que chupan ao ciclista).
A subida ao Alto da Pedraja foi dura, con tramos difíciles de forte pendente e pedras soltas. Pero valeu a pena. Aquí atopamos a dous ciclistas, un deles cun dedo roto por mor dunha caída días atrás (e aínda seguía na bici!!).
A baixada magnífica. Se coa subida sufrimos, coa baixada gozamos: unha ancha pista forestal, con pendente, en bo estado e rodeada de magníficos bosque (piñeiro negro, entre outros) que permitía acadar alta velocidade. Quedamos de nos encontrar cos outros en San Juan de Ortega, pero ao desorientárense fixémolo en Santovenia de Oca.
Subida dende Atapuerca difícil, con pendente pronunciada e chan moi pedregoso, pero agradable. Mesmo Tomás coa súa híbrida subiu perfectamente mentres que L. Pérez estaba un pouco máis atrasado. Unha cruz e un destartalado sofá nos recibiron no alto, onde houbo que se abrigar ben pois o frío e a chuvia así o pedían. Marchamos a todo correr.
Logo un longo camiño por Burgos buscando o albergue. A chuvia e o vento facían desagradable a marcha, as marcas amarelas perdíanse e facilmente estabamos desorientados e a preguntar de seguido por onde quedaba o albergue. Estaba cheo, o albergue. Así que aos ciclistas vannos levar logo ao polideportivo. Tempo xusto que temos para ducharnos (con auga fría), ir tomar algo quente e regresar. Agora aquí no albergue algúns dos nosos tratan de ligar cunha “marciana” que come pan con tomate compulsivamente. O seu mozo non fala nada de español. Menos mal!
Santo Domingo, ao fondo
Santo Domingo. Catedral
Montes do Oca. Pedraja
San Juan de Ortega. Conversa cun paisano
Atapuerca


Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados