6 Febrero 2007
21-agosto-2006
Etapa: Arcahueja – Astorga
Unha curta etapa esta, para alegría dalgún dos nosos e descanso para todos. Seguimos o andadeiro que discorre paralelo á estrada e chegamos a León, parada obrigatoria para todo dios, peregrinos incluídos. Xusto na entrada atopamos unha tenda de bicicletas (Bicicletas Blanco) na que reparei o raio. ¡¡15 €!! 15 e por reparar un raio. Ante a miña sorpresa dixo que tivo que lavar a transmisión e engraxala para poder axustala. Pois debeu engraxala coa sulfatadora que estaba todo cheo de aceite.
Pola súa parte, Chorén deixou a bici para reparar un pinchazo e o tipo o que fixo foi cambiarlle o pneumático. Ata as 12 en León, facendo tempo Chorén máis eu, visitando algo da cidade, Tomás visitando a Catedral, o seu Museo, a basílica de san Isidoro, a Casa de Botines e canto monumento se poñía por diante. Óscar e Luís P. marcharon ás 11 camiño de Astorga.
Nolos tres collemos estrada e tira millas: recta, aburrida e cun gran sol que cae. Chegamos sobre as tres da tarde. Pizza na Praza Maior e día de relax. Piscina e paseo pola vila.
Ás 12 da noite puidemos ver os fogos de artificio. Unha marabilla, estabamos a 50 metros de distancia, na muralla, abarrotada de xente e como era día de festa tiñamos de permiso ata a unha da madrugada. Os hospitaleiros do albergue eran italianos.
En Astorga, felices

Casa Botines. León
Hostal San Marcos. León
servido por escornabois
sin comentarios
compártelo
23 Enero 2007
20-agosto-2006
Etapa: Carrión de los Condes – Arcahueja
Había festa en Carrión e petardada a partir das 12 da noite. Paseando polas rúas vimos os cristais das casas tapados con cartóns e a xente (moza sobre todo) xuntábase por peñas. Pero nós as dez e media xa estabamos no albergue (como era festa, a hora de peche era ás once menos cuarto).
Neste albergue aconteceu a Historia dos Primos Ciclistas... ou Onde está Ramón?, que non paga a pena contala por non ser eu de faladurías (non coma outros) nin a historia en si o merece (o Ramón este marchou do albergue ás 11 da noite en bicicleta!!).
O camiño de hoxe foi tremendamente pesado. Pola senda marcada ata Sahagún, onde comemos uns bocatas. Eu quixen arranxar un raio da bici nalgún taller pero era domingo (perde un a noción dos días), así que marchamos pola estrada.
Un grave erro tivemos aquí: na saída de Sahagún por equivocación non tomamos a desviación para El Burgo Ranero e continuamos pola N120. Logo no cruce coa N601 tiramos para León. Estes tramos de estrada son inacabables. Ves alá lonxe o que parece ser unha torreta eléctrica e te concentras en pedalear para chegar... pero non a alcanzas. Contas o ritmo de pedaleo 1, 2, 1, 2 ...e cando cansas 1, 2, 3, 4, 1, 2, 3, 4... Despois contas ata 10 (non sei cantas veces). Poste a contar os sinais dos hectómetros da estrada... e non podes poñerte a contar coches vermellos porque apenas pasan coches vermellos, nin azuis, nin brancos sequera. E o sol abrasador. E a torreta que parece máis preto. E repites todo o proceso anterior. Quince quilómetros en liña recta insufribles!! Non dás creto cando chegas a esa jodida torreta!!
En Mansilla de las Mulas non hai sitio (ou non debe habelo porque a entrada para os ciclistas non é ata as sete e media). Foi este o único albergue que atopamos con esta condición, nos outros non había distinción entre peregrinos de a pé e en bici. Así que chamamos a un albergue privado en Arcahueja e reservamos praza. Agora estamos a nos refrescar tomando unhas cañas en Mansilla ( e aí vemos á protagonista da historia anterior).
Arcahueja non é nada: catro casas e o albergue que aínda está a medio acabar. Na habitación somos oito: no-los cinco, unha galega de Noia que vive en Francia (Rosa María), unha bilbaína (Águeda) e Begoña que non recordo de onde é. Ceamos e almorzamos todos xuntos no bar do albergue.
Sahagún
Arcahueja. Cea no albergue
servido por escornabois
sin comentarios
compártelo
6 Enero 2007
19-agosto-2006 Etapa: Burgos – Carrión de los Condes A noite no polideportivo foi singular: no chan, sobre unha manta (que non había colchonetas para todos), con frío e constantemente espertando e mirando para o reloxo do marcador. A verdade é que non teñen nada ben montado isto: poucas prazas, auga case fría para ducharse e pouca infraestrutura para a gran cantidade de peregrinos que aquí en Burgos paran. Almorzamos ao lado da Catedral e coa mesma, camiño do próximo destino, Carrión. Ao longo de todo o Camiño de Santiago atopamos peregrinos que utilizaban distintas “mañas” para o transporte das súas cousas. Había peregrinos a pé que levaban mochilas inmensas que, certamente, debían pesar o seu. Camiñar con ese peso durante tantos días debe deixar a un derrengado para o resto da vida (deben ter o ceo gañado). Pero habíaos tamén moi finos que utilizaban todo tipo de “medios de transporte” para non ter que cargar co peso: carro da compra, carro de supermercado, un burro,... mesmo ¡¡unha carretilla!! Así era como o facía un par de peregrinos tal vez ingleses que atopamos na tenda “Área 469” en Hornillos del Camino: mentres un deles empurraba, o outro tiraba por adiante cunha corda. A verdade non sei como podían conseguir avanzar polos pedregosos tramos que había. En Castrojeriz, mentres comiamos uns bocatas, achegóusenos un paisano e recomendounos que fósemos pola estrada que así non subiamos o monte (pola colina Mostelares). - Que monte?- preguntei.- Iso non é un monte. En Galicia si que hai montes. Parece ser que este home veraneaba en Galicia, mesmo en Cangas, e pretendía coñecer Galicia mellor cá nós. Hainos atrevidos!! A subida á colina Mostelares foi certamente dura, pero curta, un quilómetro, e a baixada magnífica. Logo tramos moi llanos ata chegar a Carrión. A ermida-albergue de San Nicolás recibiunos ao final da baixada. Unha hospitaleira italiana explicounos que o edificio foi reconstruído (estaba sen teito) e que dispoñía de 8 camas. Uns metros máis adiante cruzamos a ponte medieval que une Burgos e Palencia e salva o río Pisuerga. En Carrión os albergues, tanto públicos como privados, estaban completos. Conseguimos prazas no colexio Espíritu Santo, xunto con outros ciclistas. Rexentado por monxas, debe ser unha especie de internado que ofrece servizos ao peregrino no verán.
Hornillos del Camino. Tenda Área Km 469
Preto de Hontanas
Hontanas. Convento de San Antón
Colina Mostelares. Ao fondo, Castrojeriz
Puente Fitero. Ermida-albergue de San Nicolás
servido por escornabois
sin comentarios
compártelo
1 Enero 2007
18-agosto-2006
Etapa: Azofra - Burgos
Por fin un día de camiño como manda deus! E con sorte! Seguimos constantemente a ruta sinalada. Só se picou a roda da bici de Tomás preto de Santo Domingo e mentres a reparabamos achegáronse dous ciclistas co inflador de Tomás que o perdera quilómetros atrás. Parada en Grañón, pequena vila moi vistosa, para repoñer forzas a base de galletas, chocolates e pastas caseiras dunha panadería.
Paramos no albergue de Tosantos, unha pequena construción que rapidamente nos chamou a atención. O hospitaleiro foi moi amigable e amable: ofreceunos unhas claudias deliciosas recén collidas e un vaso de viño. Tamén nos ensinou o interior do albergue e explicounos características da súa construción. Preto dunha hora estivemos alí.
Continuamos camiño ata Villafranca de Montes de Oca. Aquí, os máis atrevidos (Óscar mais eu) decidimos continuar o trazado sinalado mentres que os outros tres fixérono pola estrada (moi perigosa, segundo logo nos contaron, polo tránsito de camións a gran velocidade que parece que chupan ao ciclista).
A subida ao Alto da Pedraja foi dura, con tramos difíciles de forte pendente e pedras soltas. Pero valeu a pena. Aquí atopamos a dous ciclistas, un deles cun dedo roto por mor dunha caída días atrás (e aínda seguía na bici!!).
A baixada magnífica. Se coa subida sufrimos, coa baixada gozamos: unha ancha pista forestal, con pendente, en bo estado e rodeada de magníficos bosque (piñeiro negro, entre outros) que permitía acadar alta velocidade. Quedamos de nos encontrar cos outros en San Juan de Ortega, pero ao desorientárense fixémolo en Santovenia de Oca.
Subida dende Atapuerca difícil, con pendente pronunciada e chan moi pedregoso, pero agradable. Mesmo Tomás coa súa híbrida subiu perfectamente mentres que L. Pérez estaba un pouco máis atrasado. Unha cruz e un destartalado sofá nos recibiron no alto, onde houbo que se abrigar ben pois o frío e a chuvia así o pedían. Marchamos a todo correr.
Logo un longo camiño por Burgos buscando o albergue. A chuvia e o vento facían desagradable a marcha, as marcas amarelas perdíanse e facilmente estabamos desorientados e a preguntar de seguido por onde quedaba o albergue. Estaba cheo, o albergue. Así que aos ciclistas vannos levar logo ao polideportivo. Tempo xusto que temos para ducharnos (con auga fría), ir tomar algo quente e regresar. Agora aquí no albergue algúns dos nosos tratan de ligar cunha “marciana” que come pan con tomate compulsivamente. O seu mozo non fala nada de español. Menos mal!
Santo Domingo, ao fondo
Santo Domingo. Catedral
Montes do Oca. Pedraja 
San Juan de Ortega. Conversa cun paisano
Atapuerca
servido por escornabois
sin comentarios
compártelo
1 Enero 2007
17-agosto-2006
Etapas:
16 agosto: Huarte - Los Arcos
17 agosto: Los Arcos - Azofra
Pois si que se xuntaron calamidades nestes dous días: para empezar onte, ás sete e media, Chorén caiu polas escaleiras do albergue de Huarte e houbo que buscar un centro de saúde por Pamplona para que lle desen uns puntos no cóbado. Tamén Tomás tivo problemas coa bicicleta: o día 16 a roda que arranxou nun taller en Pamplona torceu pouco despois de Puente la Reina e houbo que chamar un taxi para que o levase ata Estella. Os demais fixemos o camiño normalmente ben pero xa por estrada ata Estella.
Hoxe 17 a L. Pérez escarallóuselle o cambio da súa bicicleta. O caso é que ao pouco de saír de Los Arcos o camiño de a pé estaba todo enlamado pola chuvia e a terra pegouse de tal forma ás rodas que se fixo imposible avanzar, mesmo as rodas non xiraban pola acumulación de terra, pedras e herbas e tivemos graves dificultades para voltar á estrada.
Conseguimos limpar as bicis na bodega San Andrés (creo que así se chamaba) que nos deixaron unha mangueira e ferramentas. Con todo, a bici de L. Pérez quedou mal no cambio e alá L. Chorén arranxouna como puido, pero non quedou completamente ben (a bici, non Pérez).
Camiño pois por estrada, e chegando a Viana deuse a casualidade de que estaba o autobús e L. Pérez tomouno para Logroño e ir reparando a bici.
O albergue da noite do 16 ao 17 foi en Los Arcos, privado, con prezos distintos para os ciclistas e os camiñantes, 8 € e 7 € respectivamente. De pouco serviron as nosas protestas ante a hospitaleira. Había festa aquí, con toreo de vaquiñas pola noite.
Fomos ao albergue de Navarrete pensado en secar a roupa mollada pero non tiñan secadora. Así que, mentres comemos, puxémola a secar nos bancos da praza. Tamén festa en Navarrete.
A durmida do 17 ao 18 foi no albergue de Azofra, unha vila a 10 quilómetros de Santo Domingo. Estaba moi ben o albergue: habitacións de dúas camas, moi limpo, moi coidado, con bos servizos.
Coincidimos con outros tres peregrinos ciclistas coñecidos de encontros anteriores e ceamos no mesmo bar, pero eles quedaron sen probar as “patacas á rioxana” pois nós foramos antes a as encargar. Ao final, botella de pacharán entre todos. Pero a hospitaleira foinos buscar pois xa eran as dez e pechaba o albergue e debiamoslle 6 € de lavadora e secadora.
Paseando pola vila para facer tempo para cear achegámonos ata a igrexa. E nesas estabamos cando se nos achegou un paisano para dicirnos se queriamos que nola ensinara. Dixémoslle que si, claro. O home limitouse a dicir que era moi bonita, que tiña moitos anos, que faltaba unha estatua dunha virxe,...
- De que século é o retábulo? - preguntou Tomás.
- Tiene muchos años, vino con la iglesia- contestou o paisano.
O pobre home buscaba gañarse unhas moedas coas súas “explicacións".
Irache. Fonte do viño
Pamplona 
Alto do Perdón 
Puente la Reina
Lameira en Los Arcos

servido por escornabois
sin comentarios
compártelo
30 Diciembre 2006
15-agosto-2006
Etapa: Roncesvalles-Huarte
Hai dúas cousas das que non te podes fiar. A primeira son as guías de peregrinos, porque son moi subxectivas e os perfís e comentarios que realizan poucas veces coinciden coa realidade que un vai vivindo. A segunda cousa da que non debes fiarte é de RENFE (quen é capaz de meter dúas bicicletas de montaña empaquetadas debaixo das liteiras?).
O día 15 de agosto iniciamos o camiño e subimos o Alto de Erro sen maiores problemas. A baixada foi pedregosa e Tomás, con bicicleta híbrida, pinchou e houbo que cambiar o pneumático á chuvia. O tempo que nos deu chegar a Zubiri, onde a tormenta, con abundante chuvia, obrigounos a recollernos. Aproveitamos para comer uns bocatas e pillar frío ao estarmos mollados. Na entrada a Huarte paramos para facer unhas fotos ao lado do río e fomos invitados a pacharán por unha veciña (mágoa que non aceptamos!) que de paso comentounos o bo refuxio que aquí había. Ante a posibilidade de que o de Pamplona estivese completo decidimos quedarnos aquí. O albergue era grande, estaba bastante ben, o hospitaleiro moi agradable e case non había peregrinos. Os pinchos do peregrino que daban en Pamplona quedarán para probalos noutra ocasión.
Huarte é unha pequena vila que apenas ofrece servizos ao peregrino e difícil foi atopar un lugar no que cear e iso que a percorremos de arriba abaixo.
Foi esta unha etapa bastante curta. Pero a noite anterior foi de danza: ás 4 da mañá en Castejón fixemos transbordo de tren e mentres esperabamos fomos desembalando e montando as bicicletas e cando chegamos a Pamplona tivemos tempo dabondo para tomar un café, poñer os traxes de romano (digo de ciclista) e dar unha pequena volta pola cidade ata as 10 e media da mañá, hora na que quedamos con Fermín e a súa furgoneta para que nos levase ata Roncesvalles.
E a iso das doce iniciamos a andaina.
Roncesvalles 
Subida Erro 
Huarte
servido por escornabois
sin comentarios
compártelo
25 Octubre 2006
- Pois mirade. Roncesvalles está a unha altura de 950 metros e Santiago a 300 metros aproximadamente. Polo tanto o perfil do camiño é de baixada.
- Pero seguro que teremos que subir.
- Aquí di 15% de pendente de subida!!. Teremos que subir andando, non si?
- Recordades ao peregrino do ano 2004? Dicía que en Navarra había cada subida que nin Dios.
- Pois eu, O Cebreiro creo que deberiamos facelo pola estrada. Subir a pé todo aquel camiño róncalle un juevo.
- Joder, co bonito que é o camiño para os de a pé. Xa sabedes que o camiño é sufrimento.
- Oídes, en que imos ata Roncesvalles
- En tren temos que ir en liteiras ou coche-cama e meter as bicis debaixo da cama...
- Non fagas caso. Hai autobús dende aquí ata Pamplona. Podemos meter as bicis sen problemas. Só hai que desmontar a roda de adiante e empaquetala.
- Empaquetala? Como? En paquete de regalo con lazo e todo?
- Cala home. Unha caixa conséguese en calquera lado.
- Pero aquí falta Rafa... non se botaría atrás xa?
- Non teñas pena. Avisou que non podía vir, que estaba en Vigo.
- Haberá que facer lista do que necesitamos, non si? Canto menos peso levemos mellor.
- Pois eu penso levar calzóns de desbotar. Así ireinos tirando e vou descargando peso...
- Levaremos saco de durmir?
- Eu non creo que cun chándal xa terei bastante para me abrigar.
- Pois como pases frío pola noite a min non te arrimes.
- Non teñas pena que xa buscarei outra compañía máis saborosa...
- Como haxa que durmir nunha base de acampada imos ter que prender lume na tenda para nos quentar.
- As alforxas non deberían pasar dos 8 quilos. Será bo preparalas uns días antes na bici e logo facer unhas saídas con elas cargadas de pedras.
- Si, si. Luís e Óscar que leven 15 quilos de pedras e despois metemos todo nas súas alforxas.
- E a resistir 11 días enriba da bicicleta.
- Xa levamos aquí unha hora e aínda non ...A ver esas cañas... Veñen ou que?
- Pero vós xa pedistes?
- Eu non.
- Tampouco.
servido por escornabois
sin comentarios
compártelo